Thursday 09 de May de 2024

Benestar Social ofrece actividades en liña do programa sociocultural da Rede de Centros Cívicos


 

 

A Concellería de Benestar Social pon a disposición da
cidadanía na internet o Programa de Actividades Socioculturais da Rede de Centros
Cívicos, un referente na dinamización sociocultural da veciñanza e os barrios da cidade á
que o concello lle dá agora unha volta co fin de seguir trazando unha rede en liña e evitar
agravantes entre as persoas que están sen compaña nestas semanas de confinamento. De
feito, a iniciativa é unha das vías que a concellería emprega desde hai anos como medio de
prevención da soidade e a creación de relacións entre as persoas.
As e os monitores que imparten as distintas actividades na Rede de Centros Cívicos
gravaron unha serie de vídeos para lles dar continuidade aos contidos traballados nas súas
clases e que están subidos á canle de YouTube denominada Coruña Acompaña, á que se

pode acceder a través do enlace https://www.youtube.com/channel/UCDb6atcllVxhcIzM43Z-
krg.

Nota de Prensa

Nesta canle, poderanse atopar os vídeos nas diferentes listaxes de reprodución, en función
da temática da actividade. Dese modo, as persoas que o desexen, estean inscritas
nalgunha actividade ou non, poderán velos e seguir as clases desde a casa. Nunha primeira
fase, os tutoriais que se poderán desfrutar na canle de YouTube Coruña Acompaña son
de:
– Actividade Física: De cara a combater o sedentarismo actual en que se atopa a
cidadanía, colgaranse sesións de Pilates, Hixiene Postural, Ximnasias de
Mantemento de diferentes niveis de dificultade.
– Actividades de expresión plástica: Que brindarán a oportunidade de aproveitar o
tempo libre do que se dispón para abordarmos diferentes técnicas manuais. Inclúese
un curso de iniciación ao Debuxo e á Pintura, un obradoiro de iniciación ao Coiro, así
como obradoiros de Calceta, Gancho ou Bordado.
– Actividades de expresión corporal: Propostas de Ritmos Latinos, Baile Moderno
para practicar coas/cos máis pequenas/os da casa, así como Aerobic Latino para se
exercitar ao ritmo da música.
– Novas Tecnoloxías: Un obradoiro destinado a coñecer os recursos que as novas
tecnoloxías brindan de cara a mellorar o día a día. Este apartado estará
especialmente orientado a combater a brecha dixital que afecta a amplos sectores
da sociedade.
– Estimulación cognitiva: Tratando de non romper co traballo que se vén facendo na
rede de Centros Cívicos Municipais pola saúde cognitiva dos maiores, ofrecerase
unha proposta de traballo en liña con vídeos de exercicios e materiais didácticos
descargables para exercitar a mente e mais a memoria.
Este proxecto irase adaptando ás necesidades que formule a cidadanía durante este
período e que se anunciarán segundo se amplíen as opcións.
Con esta iniciativa, Benestar Social pretende facer máis levadeira esta corentena e que as e
os coruñesas se sigan exercitando, que creen, pensen e desfruten desde as casas ata que
se poida volver a frecuentar a rede de equipamentos públicos deseñados para a cidadanía.